-->

miércoles, 23 de diciembre de 2020

BOAS FESTAS!

     Estimadas familias, hoxe sería un deses días no que a mañá a pasariamos xuntos vendo unha actuación dos nosos pequenos e pequenas; e, posiblemente, estando atentos á lotería. Pero este ano foi ben diferente e tivemos que conformarnos coa lotería, e espero que polo menos vos tocara algún belisco. Inda que o pasamos moi ben festexando os aniversarios de Erea, Inés e Carlos e xogando a diferentes xogos, eu botei de menos esas cóxegas no estómago porque todo saira ben e porque puiderades difrutar tanto como o facemos nós cando preparamos algo para vós. Pero xa que nos quedamos coas ganas... Que vos parece se recordamos o do ano pasado? A calidade da imaxe é espantosa e non fai para nada xustiza do ben que o fixeron; pero con este vídeo quero despedirme ata xaneiro esperando atoparvos a todos e todas ben e que pasedes unhas boas festas e o 2021 traia consigo moitas máis alegrías.

lunes, 7 de diciembre de 2020

Aniversario novembro: Raúl, Alexia e Irai

    A pasada semana tocounos despedir o mes de novembro e festexar os aniversarios de Raúl, Alexia e Irai que xa cumpriron "Súper-4-Aniños". Ademais contamos con unha visita moi especial na nosa clase,... a tartaruga Rallitas.

    Aquí vos deixo un vídeo que recolle pequenos-grandes momentos vividos estes días na nosa clase:


           PARABÉNS PEQUEN@S!
    Gozade todo o que poidades de estes días de descanso e o mércores vémonos con máis forza se cabe! 💪

miércoles, 25 de noviembre de 2020

25 N

Como mestra nunca deixarei de traballar por un mundo de igualdade.
Como mestra nunca deixarei de favorecer o desenvolvemento entre o meu alumnado do respecto e a liberdade. 
Como mestra nunca deixarei de proxectar como valores fundamentais a solidaridade, a empatía e o amor.
Como mestra nunca deixarei de FABRICAR LUZ.

domingo, 15 de noviembre de 2020

CONTO DO DÍA

    Esta semana quero compartir con vós unha actividade matemática que nos acompaña case tódolos días na aula. O noso encargad@ terá que escoller tres libros da nosa biblioteca de aula e entre todos votaremos por cal será o conto que ese día leremos. 


    Despois de contabilizar os votos de cada proposta, ordenarémolos de maior a menor, asociaremos dita puntuación co seu número correspondente e representaremos a súa grafía.

sábado, 7 de noviembre de 2020

MAGOSTO

    Se o pasado venres nos tocaba festexar o Samaín, esta semana adicámola a facer todos os preparativos para levar a cabo o Magosto. Esta festa tradicional do norte de España e Portugal ten como elementos comúns a súa celebración no mes de novembro (ou finais de outubro) e ter como elementos principais a castaña e o lume. Con esta festa a castaña recupera a importancia que o millo e a pataca lle foron arrebatando nos últimos séculos. Ao redor de esta celebración tamén son numerosos os rituais tradicionais para purificarse, curarse e recordar aos devanceiros.

    Para poder levar as castañas asadas precisabamos uns cestiños, así que... mans á obra!



    O venres preparamos os equipos na aula para os xogos. Dividímonos en 4 equipos con panos de cor azul poñéndoos en diferentes partes do corpo: Brazo, pescozo, perna e cintura. E... a xogar! Tivemos tres xogos: O "Traga-castañas", os "Aros musicais" e os birlos. 

Pasámolo xenial! 

       

  Despois dos xogos, na aula xogamos cos carbóns das brasas e descubrimos que non valen só para asar, senón tamén para PINTAR.


    E fixemos un cornete de castañas recortadas, para que nos quedara de recordo de este día:

lunes, 2 de noviembre de 2020

EDUCACIÓN RESPONSABLE

    O noso centro atópase traballando no programa de Educación Responsable da Fundación Botín para a promoción do desenvolvemento emocional, social e creativo dos rapaces e rapazas.

    No enlace que vos figura a continuación podedes atopar ideas e actividades moi interesantes para fomentar dito desenvolvemento nos nosos nenos e nenas:

    Animádevos a pór en marcha algunha de estas actividades e contádenos como foi a vosa experiencia nos comentarios ou na dirección de correo electrónico:

educacionresponsable@fundacionbotin.org

domingo, 1 de noviembre de 2020

Outubro: Aniversarios de Óliver e Iker

  Chegamos ao remate do mes de outubro e a situación cada vez complícase máis, cada día é un pouco máis duro e todo se fai un pouquiño máis costa arriba. Sabémolo! Pero aquí seguimos, todas e todos xuntos, cousa que non me pode alegrar máis. Así que agora, máis que nunca, eu tirarei de vós, e vós tiraredes de min; e así, seguiremos sumando días xuntos. 

   E que mellor forma de festexar que aquí seguimos os 23+1 que con unha celebración dobre: Samaín e aniversarios de Óliver e Iker

   Aquí vos deixo un pequeno resumo do ben que o pasamos:                            PARABÉNS PEQUENOS!

   E moitas grazas a tod@s pola vosa participación e polas mostras de creatividade e imaxinación na elaboración das carautas, dos disfraces e das merendas terroríficas.  

Sodes xeniais!

martes, 6 de octubre de 2020

Aniversarios setembro: Iria e Laia

    O pasado venres 2 de outubro festexamos os aniversarios correspondentes ao mes de setembro: Iria e Laia

PARABÉNS PEQUECHAS!

         
    E probamos a nosa máquina de flocos de millo... 


VAIA  DESCUBRIMENTO!!

jueves, 1 de octubre de 2020

OUTONO

      O pasado 22 de setembro demos a benvida a estación do outono; e os nenos e nenas da aula de 4 anos A saímos ao entorno do noso centro para ver os cambios que neste se producen coa chegada de esta nova estación. Observamos a cantidade de follas diferentes que se atopan no noso patio, a amplia gama de cores que as conforman, achegámonos ata o noso castiñeiro "Catarina", recollemos follas e froitos e, posteriormente na aula, con témperas e pintura de selos puidemos ver que as follas tamén teñen as súas propias pegadas.

 

lunes, 10 de agosto de 2020

MATEMÁTICAS

      Con este xogo baseado no método ABN imos traballar cos nosos nenos e nenas a asociación número-cantidade, as cores, a grafía dos números,... e, ao mesmo tempo, levaremos a cabo unha actividade que propiciará o desenrolo da súa psicomotricidade fina. Podedes facer modificacións en función de aquilo que queirades traballar, como por exemplo, eliminar o patrón de cor e deixar tan só o de cantidade, ou viceversa.


Moitos bicos meus pequen@s! Xa falta moi pouquiño para poder estar outra vez todas e todos xuntos!

lunes, 27 de julio de 2020

TALLER DE SOMBRAS

      Despois de ver o ben que o pasa Martín con tan pouca cousa como unha lanterna, anímovos a que nestas noites de verán levedes a cabo algunha actividade de este estilo. Son actividades moi motivadoras e que acostuman a provocar moita ilusión nos nosos pequenos e pequenas:


        Hai moitas maneiras de facer bonitos xogos empregando a realización de sombras na escuridade. Aquí vos deixo algúns exemplos moi sinxelos:


Espero esteades a gozar moito destas vacacións e do bo tempo que nos acompaña! Mil bicos meus pequen@s!! Vémonos moi prontiño!

martes, 14 de julio de 2020

XOGAMOS COAS FROITAS:

      Durante o verán atopamos froitas que están no seu mellor momento, como por exemplo a sandía, o melón, as cereixas, as fresas, o melocotón, as cirolas,...
      Pequen@s... é moi importante que consumades froita porque ten moitas vitaminas e minerais que van axudar a que non vos poñades enfermiños e a facer mellor a dixestión. Así, que xa sabedes, a froita é importantísima comela ao longo de todo ano, pero especialmente no verán porque temos gran variedade de elas, que están riquísimas e que na praia nos van a refrescar un montón.       
      A continuación déixovos unhas actividades relacionadas coas froitas que espero vos gusten!! 

Mil bicos e espero que esteades a gozar moito do verán!

lunes, 6 de julio de 2020

sábado, 27 de junio de 2020

MASCOTAS_4

E hoxe damos por rematada a serie "MASCOTAS". Espero que vos gustaran tanto como a min! Recordade que tendes unhas actividades en "Mascotas_2" que podedes levar a cabo tamén cos animaliños dos vosos compañeir@s.

En primeiro lugar Mateo preséntavos a...


Na casa de Erea as súas mascotas xogan tanto como ela e a súa irmá:


E para rematar, o granxeiro Paio preséntanos todos os exemplares de animais que compoñen a súa granxa e ensínanos as súas destrezas ao volante do tractor e do coidado dos animais:


Moitísimas grazas chic@s!

martes, 23 de junio de 2020

NOITE DE SAN XOÁN

Vinte unha crara noite,
noitiña de San Xoán,
poñendo as frescas herbas
na fonte a serenar. 

Rosalía 

AUGA MÁXICA DE SAN XOÁN

       A noite de San Xoán din que é a máis cativa do ano, pero tamén é a máis máxica. En Galicia é a noite do lume, das cacharelas, das augas milagreiras, e tamén a máis rica en lendas e costumes. 
        A auga milagreira faise recollendo herbas e plantas con moito arrecendo, pois din que canto mellor cheiren, máis espantan os malos espíritos e as bruxas. Recóllense polo serán do día 23 e déixanse na auga toda a noite.             
       Dependendo da zona empréganse diferentes tipos de plantas.  Pero, segundo dí a tradición hai 7 plantas que son as axeitadas para facer a auga do san Xoán, inda que despois nós fagamos as modificacións que consideremos. Con todas elas faise un pequeno feixe, métese nun caldeiro ou palangana e bótaselle auga, que segundo as lendas debería ser de sete fontes distintas.
    Segundo a tradición, a palangana coa auga, débese deixar sempre fóra da casa, para que o San Xoán a bendiga durante a noite. Ao outro día pola mañá, lávanse diferentes partes do corpo con ela para purificalo e protexelo de enfermidades; e non se pode secar con trapo ningún, ten que se secar co ar e co sol. A verdade é que non sei si purifica e cura, o que sei é que o corpo queda cun arrecendo á natureza que dá gloria.
      Antigamente, o feixe feito coas herbas, colgábase na parede da lareira o resto do ano.

            É unha tarefa preciosa de detectives de plantas na natureza. Anímovos a que saiades ás hortas, montes e camiños; e que busquedes algunha destas plantiñas ou outras de rico arrecendo e sigamos mantendo esta tradición tan fermosa!

 

• O hipérico ou herba de San Xoán alivia a depresión e protexe contra os malos espíritos. Ten propiedades cicatrizantes, aptisépticas e diuréticas.
• O fiúncho protexe do mal de ollo e ten propiedades diuréticas e dixestivas
• A herba luisa ou verbena ten propiedades dixestivas.
• O codeso ou xesta ten propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón. Utilízase para barrer a casa para purificala e protexela dos malos espíritos.
• O fento macho é velenoso. É un antiparásito moi bo e actúa como paralizante muscular. Dise que bota flor a media noite do san Xoán.
• A malva é boa para a picadura das avellas e queimaduras.. Serve para todo: resfriados, bronquite, afeccións dixestivas, nervos, etc.
• O romeu purifica e protexe. Ten propiedades tónicas e estimulantes, moi bo para a reuma, artrite, trastornos do sistema circulatorio, depresión, dores de gorxa, etc.

        Son moitos os ditos que falan desta noite máxica. Aquí vos deixo algúns exemplos: 
  • Na noite de San Xoán non te deites ata a mañá.
  • Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
  • No San Xoán as bruxas fuxirán.
  • Polo San Xoán, as nove co día darán.
  • O día de San Xoán é o día máis longo do verán.
  • Mañanciñas de San Xoán, unhas corren e outras van.
  • Polo San Xoán, calquera burro gaña o pan.
  • Quen xexuna polo San Xoán, é tolo ou non ten pan.
  • Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.
  • Polo San Xoán a sardiña molla/pinga o pan.
        Como son moi sinxeliños de seguro que sodes capaces de memorizar algún de eles.

Un bico enoooorme meus pequen@s e feliz noite de San Xoán para tod@s!!

sábado, 20 de junio de 2020

CHEGOU O VERÁN!

Hoxe, 20 de xuño, exactamente ás 23:44 h. dará comezo a estación do estío. E que mellor maneira de recibilo que... CANTANDO e BAILANDO!!!!



BO VERÁN PARA TOD@S!

jueves, 18 de junio de 2020

CONTO: O GLOBIÑO VERMELLO

   Neste último xoves lectivo do curso quero presentarvos un conto que a min persoalmente me encanta! É da editorial KALANDRAKA e revolucionou o panorama da literatura infantil pola súa atractiva e novidosa proposta gráfica. Un conto sen texto que destaca polo seu deseño minimalista e depurado. Co paso de cada páxina apreciase o proceso de metamorfose de un globo en diversos obxectos cos que garda semellanza: mazá, bolboreta, flor,…

lunes, 15 de junio de 2020

PRIMAVERA

   Sabedes que vai ocorrer o vindeiro sábado 20 de xuño? 
Pois que remata a primavera e coa súa despedida damos paso ao VERÁN! Unha estación  que normalmente se caracteriza polo bo tempo e as vacacións e da que espero que disfrutedes moitísimo. Pois como esta primavera foi un pouco atípica e non tivemos moito tempo de falar de ela no cole, déixovos unhas pequenas actividades para que a despidamos de cara o vindeiro curso. 😘

sábado, 13 de junio de 2020

MASCOTAS_3

   Inda que ben podería parecer o título dunha película, "Mascotas 3" é unha nova entrega dos vosos animaliños de compañía. Animais especiais que precisan de coidados e mimos que, de seguro, non lles faltará ao voso carón.
   Hoxe imos coñecer unha gran variedade de animais: Gatiños, un can, unha tartaruga, un peixe "que vive en la piña debajo del mar..."(adiviñades como se chama?), paxariños e... ata un cabrito! Pero esto non remata aquí, próximamente achegareivos unha nova entrega de "Mascotas 4". 
Que contenta estou de tervos sempre aí!

jueves, 11 de junio de 2020

Xoves... CONTO!!

   Bos días a todos e todas, como cada xoves comparto con vós unha pequena historia; neste caso é un breve relato destinado ao público infantil máis miúdo pero que adoita gustar a tódalas idades. Ademais de traballar as principais nocións espaciais, ao incoporarlle unha base rítmica capta máis a atención dos nosos pequenos e pequenas e promove o seu gusto pola literatura. Para contar contos é importante crear un clima especial e buscar tamén lugares especiais. O lugar de hoxe, é un de esos montes que nos rodean e que nos ofrecen unhas vistas das nosas rías espectaculares, neste caso, é o monte de San Lois, unha paraxe que non precisa de ningún tipo de filtro porque por el só desprende unha maxia especial.


   Atopástedes a Nora no vídeo? Seguro que sí!!! 
   Pois, a continuación, déixovos a imaxe dos dous piñeiros para que vós debuxedes os elementos que faltan:

miércoles, 10 de junio de 2020

domingo, 7 de junio de 2020

AS NOSAS MASCOTAS_2


Agora que xa coñecemos as mascotas de Héctor e Inés:



Pois Carlos Jesús, Ibai e Mauro tamén nos queren presentar as súas:


Pero non pensedes que Héctor tan só ten a Pompón, a súa casa parece un zoolóxico!! Eu quedei impresionada!! E, coma sempre, volos vai presentar de marabilla tamén a todos vós a través de este vídeo: 


Que animais máis fermosos tendes!!! 
Grazas por compartilos con nós!!

Pois para aqueles que teñades mascotas ou para quen queira facer unha actividade dalgún animal que lle guste ou algunha mascota dalgún amigo ou familiar, déixovos unha pequena tarefa que fomentará o desenrolo de diferentes áreas de aprendizaxe:


lunes, 1 de junio de 2020

Os Bolechas _ Xogo de memoria

Como andades de memoria? Despois da fin de semana propóñovos facer unha proba ben divertida co Xogo de Memoria dos Bolechas! 👇
Levanta as cartas por parellas e recorda que personaxe hai en cada unha. Cando saibas onde hai dúas iguais levántaas e quedarán para arriba. O xogo remata cando estean todas boca arriba. Hai 3 niveis de dificultade e o tempo conta‼️

AS NOSAS MASCOTAS

Sabedes quen son Dana e Pompón? 
Serán os nomes duns bonecos? Serán uns personaxes de contos? Ou será o nome dalgunha serie de debuxos animados? Pois podería ser calquera de estas opcións,... Pero NON! 
Dana é a cadeliña de Inés, que de seguro paseou un montón neste confinamento:



Pompón é o coelliño de Héctor que tan ben volo presenta neste vídeo:




Encantaríanos coñecer as vosas mascotas! Podedes presentárnolas a través de algunha FOTO ou VÍDE0. Así poñémoslle cariña a eses animaliños dos que tanto me falabades cando estabamos no cole!

domingo, 31 de mayo de 2020

DES-Confinando

Hoxe non toca compartir nada de traballo porque o domingo sempre foi día de descanso. Pero sí que é un momento máis que ideal para compartir con todos vós algunhas das marabillosas fotos que me mandades e que tanto me gustan. Espero seguir recibíndoas! 


Espero que vos atopedes ben e mil grazas a tod@s por estar en todo momento aí!

jueves, 28 de mayo de 2020

CONTO: O pirata Pata de Lata


      Os xogos de búsqueda do tesouro, gustan a pequenos e grandes; así que aquí vos deixo unha actividade moi entretida para pasar un bo rato na casa. Pero, mellor gardala para un día de chuvia e, agora que se pode, aproveitar para buscar tesouros nas rúas, praias e campos; pero sempre con moito sentidiño para recuperar pronto a normalidade e poder estar outra vez todos xunt@s! 😘

ACTIVIDADE

miércoles, 27 de mayo de 2020

lunes, 25 de mayo de 2020

ALEXIA: As fases da Lúa

A Alexia debeulle gustar tanto o conto de Lúa que decidiu averiguar cales son as súas fases e o porqué das variacións no seu tamaño. Peppa Pig fixo que se despistase un pouco coa lúa crecente e minguante, pero agora xa o ten clarísimo 😂😂😂!
Queredes ver que traballo tan bonito fixo para explicárvolas? 

Pois aí vai!!


Moitas grazas Alexia!!!

AUDICIÓN E LINGUAXE

A mestra Alba de Audición e Linguaxe do noso colexio propónvos unha serie de recursos que propiciarán a estimulación da linguaxe. É unha orientación para todo o alumnado de Educación Infantil, polo cal non todo se adaptará aos nosos nenos e nenas de 3 anos. Botádelle un ollo e elexide aquilo que máis vos conveña!

Este primeiro lugar, podedes atopar  unha canle de youtube da mestra de Audición e Linguaxe, Eugenia Romero. Nel poderedes atopar vídeos para a correcta pronunciación de determinados fonemas, como por exemplo o /r/; xogos de adiviñar sons ou ordenar letras nunha palabra. 


Tamén vos recomenda dous xogos:
O primeiro é de dados fonéticos para que os nenos e nenas xoguen e practiquen os sons, sobre todo /r/ e /s/.


O segundo é como o "dobble" pero con debuxos de dinosauros. Nel traballamos vocabulario, atención e percepción.


E finalmente, mándavos un documento que ten exercicios moi completos de soplo, praxias, etc. 


Na web do colexio, o Departamento de Orientación tamén dispón de documentos e xogos que poden ser do voso interese. Grazas