Vinte unha crara noite,noitiña de San Xoán,poñendo as frescas herbasna fonte a serenar.
Rosalía
AUGA MÁXICA DE SAN XOÁN
A noite de San Xoán din que é a máis cativa do ano, pero tamén é a máis máxica. En Galicia é a noite do lume, das cacharelas, das augas milagreiras, e tamén a máis rica en lendas e costumes. A auga milagreira faise recollendo herbas e plantas con moito arrecendo, pois din que canto mellor cheiren, máis espantan os malos espíritos e as bruxas. Recóllense polo serán do día 23 e déixanse na auga toda a noite. Dependendo da zona empréganse diferentes tipos de plantas. Pero, segundo dí a tradición hai 7 plantas que son as axeitadas para facer a auga do san Xoán, inda que despois nós fagamos as modificacións que consideremos. Con todas elas faise un pequeno feixe, métese nun caldeiro ou palangana e bótaselle auga, que segundo as lendas debería ser de sete fontes distintas. Segundo a tradición, a palangana coa auga, débese deixar sempre fóra da casa, para que o San Xoán a bendiga durante a noite. Ao outro día pola mañá, lávanse diferentes partes do corpo con ela para purificalo e protexelo de enfermidades; e non se pode secar con trapo ningún, ten que se secar co ar e co sol. A verdade é que non sei si purifica e cura, o que sei é que o corpo queda cun arrecendo á natureza que dá gloria. Antigamente, o feixe feito coas herbas, colgábase na parede da lareira o resto do ano.
É unha tarefa preciosa de detectives de plantas na natureza. Anímovos a que saiades ás hortas, montes e camiños; e que busquedes algunha destas plantiñas ou outras de rico arrecendo e sigamos mantendo esta tradición tan fermosa!


• O hipérico ou herba de San Xoán alivia a depresión e protexe contra os malos espíritos. Ten propiedades cicatrizantes, aptisépticas e diuréticas.• O fiúncho protexe do mal de ollo e ten propiedades diuréticas e dixestivas• A herba luisa ou verbena ten propiedades dixestivas.• O codeso ou xesta ten propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón. Utilízase para barrer a casa para purificala e protexela dos malos espíritos.• O fento macho é velenoso. É un antiparásito moi bo e actúa como paralizante muscular. Dise que bota flor a media noite do san Xoán.• A malva é boa para a picadura das avellas e queimaduras.. Serve para todo: resfriados, bronquite, afeccións dixestivas, nervos, etc.• O romeu purifica e protexe. Ten propiedades tónicas e estimulantes, moi bo para a reuma, artrite, trastornos do sistema circulatorio, depresión, dores de gorxa, etc.
Son moitos os ditos que falan desta noite máxica. Aquí vos deixo algúns exemplos: - Na noite de San Xoán non te deites ata a mañá.
- Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
- No San Xoán as bruxas fuxirán.
- Polo San Xoán, as nove co día darán.
- O día de San Xoán é o día máis longo do verán.
- Mañanciñas de San Xoán, unhas corren e outras van.
- Polo San Xoán, calquera burro gaña o pan.
- Quen xexuna polo San Xoán, é tolo ou non ten pan.
- Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.
- Polo San Xoán a sardiña molla/pinga o pan.
Como son moi sinxeliños de seguro que sodes capaces de memorizar algún de eles.
Un bico enoooorme meus pequen@s e feliz noite de San Xoán para tod@s!!
- Na noite de San Xoán non te deites ata a mañá.
- Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
- No San Xoán as bruxas fuxirán.
- Polo San Xoán, as nove co día darán.
- O día de San Xoán é o día máis longo do verán.
- Mañanciñas de San Xoán, unhas corren e outras van.
- Polo San Xoán, calquera burro gaña o pan.
- Quen xexuna polo San Xoán, é tolo ou non ten pan.
- Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.
- Polo San Xoán a sardiña molla/pinga o pan.
Coma sempre, claro e acaído. Moitas grazas profe Lourdes. Feliz San Xoán a todos.
ResponderEliminarGrazas e para ti tamén!!!
ResponderEliminar